As viaxes de Guy Delisle
O debuxante canadiano Guy Delisle chegou á cidade chinesa de Shenzhen a finais de 1997 para dirixir durante un período de tres meses un estudio de animación que fora contratado dende Francia.


A cidade chinesa de Shenzen
Delisle recolleu as experiencias da súa estadía no álbum que leva o nome da cidade. A súa descrición non é precisamente a dun lugar para facer turismo: polución, suciedade e un ambiente gris no que a presenza dun occidental, malia a proximidade dunha urbe coma Hong Kong, non pasa desapercibida. Delisle é observado pola rúa, saudado por descoñecidos e mesmo fotografado coma se dun motivo pintoresco se tratase. A urbe configúrase coma un gran centro de negocios, un horizonte de rañaceos e grúas no que a construción non se detén e os edificios medran a razón dun piso por día. No parque temático “Windows of the World”, Delisle visita reproducións a escala dalgúns dos monumentos máis populares do mundo, o que pode interpretarse como a sarcástica solución das autoridades para a incomunicación a que someten aos seus cidadáns. De feito, ninguén pode abandonar Shenzhen sen visado e o extremo norte da cidade está rodeado por unha valla electrificada e un ronsel de torres de vixiancia. Nada como asistir á flagrante vulneración dos Dereitos Humanos para tomar conciencia do alcance da propia liberdade.


A estatua de Kim-Il-Sung en Pyongyang.
Anos máis tarde, Delisle adicaría un novo álbum a Pyongyang, a capital de Corea do Norte que visitaría tamén para supervisar un proxecto de animación. Todo un síntoma, os procesos de deslocalización e subcontratación internacional facilitan a connivencia entre as grandes empresas occidentais e as ditaduras asiáticas. O totalitarismo norcoreano edifícase sobre o extravagante culto á personalidade dos seus líderes e un abafante aparello propagandístico. Todo visitante que chega á cidade é conducido ante a estatua de Kim Il-Sung para depositar flores aos seus pés. O seu retrato e o do seu fillo e sucesor Kim Jong-Il atópanse en fachadas, paneis e escaparates, mais tamén en cada habitación de cada edificio do país e na lapela de todo bo cidadán. A ideoloxía oficial do Estado, o juche (a adaptación norcoreana de marxismo e maoísmo), difúndese nos medios, na rúa a golpe de megáfono e inspira estatuas e monolitos. Os estranxeiros teñen prohibido circular polo país sen a inexcusable presenza dos seus guías, que os acompañan en todos os seus desprazamentos. Delisle interpreta a arquitectura da cidade, xigante por fóra e ruinosa por dentro, coma metáfora dun réxime hermético e decadente.


Pagodas en Birmania.
Completa a triloxía Crónicas birmanas, álbum no que Delisle recolle as súas experiencias en Myanmar, denominación actual da antiga Birmania. O debuxante residiu en Rangún durante seis meses coa súa muller, traballadora de Médicos sen Fronteiras, e o seu fillo. A familia estableceuse nun barrio de vivendas coloniais denominado “Golden Valley”, a carón das mansións fortificadas de xenerais e homes de negocios afíns ao réxime. Delisle constata ata que punto as casas coloniais se axeitan peor ás esixencias do clima local que as vivendas tradicionais. De novo a arquitectura como metáfora. E de novo as pegadas do totalitarismo: censura informativa, corrupción policial e represión da oposición política personificada na Premio Nóbel Aung San Suu Kyi. A saída de Delisle e a súa familia do país coincide co peche das misións de Médicos sen Fronteiras ante imposibilidade de seguir exercendo o seu labor humanitario sen se converter en cómplices do réxime.
Guy Delisle retrata as distintas facianas do totalitarismo asiático cunha sabia combinación de crítica e humor. As súas crónicas evidencian ata que punto o respecto aos Dereitos Humanos segue a ser aínda unha asignatura pendente en moitos lugares do planeta.
Visita Shenzhen
Ver mapa más grande


RSS