culturagalega
consello da cultura galega

Todas as Venecias

Publicado o 31 Mar 2010


A fachada da Basilica di San Marco segundo Hugo Pratt.

Venecia sería a miña fin”. Corto Maltés, o mariño apátrida creado por Hugo Pratt, pronuncia esta frase no final de O anxo da xanela de Oriente, un relato breve ambientado na cidade dos canais durante a Primeira Guerra Mundial. Corto amósase fascinado polo misterio e a beleza da cidade, pero permanece fiel ao seu espíritu viaxeiro e renuncia a establecerse nela. Sen embargo, retornaría anos máis tarde, coincidindo co ascenso do fascismo ao poder, para protagonizar a que sería a súa grande aventura veneciana, Fábula de Venecia. Nela, Corto percorre as ruelas, prazas e pontes do barrio xudeu veneciano, o Ghetto Vecchio, na procura dunha xoia, a Clavícula de Salomón. No canto de amosarnos a Venecia máis esplendorosa e monumental, Hugo Pratt prefire alonxarse dos tópicos turísticos e representar a cidade coma un labirinto no que o mariño se orienta interpretando runas e inscripcións en pedra. “Busco os lugares que coñecín de neno”, escribiría Hugo Pratt, “pero moitas veces non os recoñezo”. A ese fin, a reconstrución das paisaxes da súa infancia, parece consagrarse esta fábula na que se amosan facetas da cidade que evidencian a pegada que nela deixaron o Islam, a cultura sefardí ou a masonería.


O Campo de Santa María Formosa por Hugo Pratt

Un libro, A Venecia secreta de Corto Maltés de Guido Fuga e Lele Vianello, toma como punto de partida o periplo de Corto para presentar aos viaxeiros unha serie de itinerarios pola Venecia menos convencional. Máis recentemente, a editorial francesa Casterman inaugurou unha colección de guías de viaxe ilustradas por debuxantes de banda deseñada. A correspondente a Venecia conta con deseños, como non podía ser doutro xeito, de Hugo Pratt.


A Ponte dei Suspiri por Moebius e no mundo real

Tamén Jean Giraud “Moebius”, outro grande da banda deseñada europea, rendiu a súa particular homenaxe á cidade dos canais. Con ocasión dunha exposición da súa obra en Venecia no ano 1983, Moebius elaborou unha serie de carteis nos que a cidade aparecía representada baixo as súas peculiares claves artísticas: canais sen auga, góndolas suspendidas no aire e o Carnaval veneciano recreado como mascarada futurista. O perigo a que está sometida a beleza da cidade inspirou a Moebius Venecia celeste, un relato breve no que suxire que hai outras Venecias no universo, cidades que se elevan no aire cando se atopan no seu máximo esplendor e se afunden no chan cando entran en decadencia. O relato, que transcurre nunha Venecia imaxinaria aínda que recoñecible, participa dun ton de melancólico moi propio do seu autor, aínda que remata cunha mensaxe de esperanza.


Viñeta de Largo Winch, de Jean Van Hamme e Philippe Francq. A escena ocorre ao carón do Fondaco dei Tedeschi e a ponte de Rialto.

Pero as paisaxes venecianas tamén poden ser un escenario axeitado para narracións menos poéticas. Así, algúns episodios de Largo Winch, o serial de intriga e acción creado por Jean Van Hamme e Philippe Francq, transcurren tamén na cidade dos canais. Nos álbums noveno (Ver Venecia…) e décimo (…E morrer) da colección, os autores ofrecen unha visión probablemente menos persoal que as de Pratt e Moebius, pero interesante especialmente pola exhaustividade e realismo dun Francq que se esforza por reproducir coa máxima fidelidade as paisaxes venecianas máis populares. Nas súas páxinas atopamos un percorrido pola Venecia monumental (a Praza de San Marcos, a Ponte de Rialto ou a basílica de Santa Maria della Salute), paseos en góndola e trepidantes persecucións en lancha motora polo Gran Canal. O formato de álbum europeo potencia o traballo dun artista en cuxo trazo pode recoñecerse a influencia dos grandes mestres da BD, entre eles, sen dúbida, Pratt e Moebius. Cada un deles demostra, coa súa obra, que unha mesma Venecia pode amosar facetas moi distintas entre si.

Explora Venecia


Ver mapa más grande