culturagalega
consello da cultura galega

París: oito artes na novena

Publicado o 15 Sep 2010


Pellejero: cemitero de Pere Lachaise


Pellejero e o Petit Palais

A aparición dun novo traballo do veterano debuxante Rubén Pellejero é sempre unha boa nova. A editorial Astiberri vén de editar En carne viva, compilación de dous álbums orixinalmente producidos para o mercado francés nos que Pellejero narra a historia dun pintor marcado por unha malformación conxénita no París de principios do século XX. A indagación polo protagonista da súa orixe centra este relato de inspiración folletinesca, repleto de segredos familiares, bebés intercambiados e paternidades ocultas. A obra parte do período da Comuna e percorre as primeiras décadas do século XX, amosando os contrastes entre os barrios populares de París, nos que se cría o protagonista, e os ambientes burgueses nos que a súa arte se difunde. Os luminosos pinceis de Pellejero describen unha capital francesa que, coincidindo coa Exposición Universal de 1900, se abre á modernidade industrial do novo século.


Bertozzi: catedral de Notre Dame

A cidade do Sena sempre estivo fondamente vencellada ás artes e a cultura. A coincidencia en París, durante a primeira metade do século XX, dalgunhas das figuras máis destacadas da arte, a literatura ou a filosofía foi recollida polo cómic da man de autores como o noruegués Jason, que en No me dejes nunca transforma a Hemingway, Scott Fitzgerald, Joyce ou Ezra Pound en autores de BD metidos a atracadores de bancos. Pola súa banda, Nick Bertozzi retrata en El salón a uns Gertrude Stein, Picasso, Apollinaire ou Matisse que se valen de narcóticos para viaxar por lenzos impresionistas. Máis realista é Kiki de Montparnasse, biografía da que fora musa de pintores coma Foujita e Soutine ou do fotógrafo Man Ray. A debuxante Catel Muller plasma con trazo minimalista o tránsito da modelo e actriz dende as súas orixes humildes ata os ambientes bohemios do París de entreguerras.


Tardi: a Opera desde as galerías Lafayette

Pero probablemente sexa na obra de Jacques Tardi, creador do personaxe de Adèle Blanc-Sec e que levou ao cómic as novelas do detective Nestor Burma, onde atopamos unha das visións máis orixinais da capital francesa. Nos nove álbums que conforman Las aventuras de Adèle Blanc-Sec, o París de 1910 aparece representado como Grand Guignol, un escenario de cartonpedra que acocha baixo a súa superficie monumental un labirinto de túneles e acubillos para sectas, conspiradores e adoradores do Diaño. Se no relato detectivesco o heroe restaura a orde mediante o uso da razón, a teimuda Adèle de Tardi desenvólvese nun mundo rexido por un principio caótico que é incapaz de dominar: bestas prehistóricas que cobran vida, artefactos voadores, científicos tolos, pitecántropos refinados…


Burma: a place Louis Armand, na Gare de Lyon

En contraste, na adaptación das historias protagonizadas por Nestor Burma, investigador xurdido da pluma do novelista Leo Malet, Tardi axusta o seu retrato de París ás esixencias do relato de xénero negro, renunciando á extravagancia festeira dos álbums de Adéle e elaborando un retrato da cidade máis escuro e bretemoso, sobrio pero igualmente brillante. Malet propuxérase ambientar unha novela de Burma en cada un dos vinte distritos de París. Finalmente escribiría dezaoito, das cales cinco foron levadas á banda deseñada por Tardi.

Un proxecto semellante foi RG, un policíaco realista e contemporáneo a cargo do debuxante suizo Frederik Peeters e baseado na experiencia profesional do ex-policía Pierre Dragon. Como no caso de Malet e Tardi, cada álbum da serie debería conceder un especial protagonismo a algún dos distritos parisinos, mais por desavinzas entre os autores só viron a luz dous volumes dos tres previstos, Riyad-Sur-Seine e Bangkok-Belleville. Unha mágoa, dado o alento renovador da cabeceira e o magnífico labor de Peeters cos lápices.

Explora París a partir da Place de la Concorde:


Ver mapa máis grande