culturagalega
consello da cultura galega

Bagdad, esplendor e caída

Publicado o 13 Apr 2011


A Bagdad de David B.

O debuxante francés David B. acadou un merecido recoñecemento con Epiléptico, un denso relato autobiográfico no que describía unha infancia e mocidade condicionadas pola epilepsia que padecía o seu irmán. Se cadra para alonxarse do ton marcado por aquel traballo, o autor ensaiou rexistros ben diferentes en obras posteriores. Tal foi o caso de Los buscadores de tesoros, unha historia ambientada no Bagdad do século IX na que unha extravagante confraría de personaxes capitaneada por un cáustico verdugo se embarca na procura da sombra que lle foi sustraída a un deles. A peculiar combinación de imaxinación atoleirada con elementos sinistros dá lugar a unha obra tan persoal coma difícilmente clasificable. Nela resulta especialmente salientable o salto gráfico do artista, que engade ao seu trazo minimalista unhas cores básicas e un traballo de composición que achegan o resultado ás miniaturas que ilustran os manuscritos medievais. Unha mágoa que, tras os dous primeiros álbums, La sombra de Dios e La ciudad fría, o autor abandonara a serie deixándoa inconclusa.


A Bagdad de Duchazeau en Os 5 narradores de Bagdad

Aínda que peneirada pola súa particular visión, é posible recoñecer no Bagdad de David B. a imaxe romántica da cidade que agromou en Europa tras a recepción e divulgación de As mil e unha noites. A influenza deste clásico da literatura resulta aínda máis clara en Os cinco narradores de Bagdad, un álbum de Fabien Vehlmann e Frantz Duchazeau que Factoría K publicou en galego hai dous anos. Concibida coma unha reflexión sobre o feito mesmo de contar historias, a obra narra unha viaxe-aprendizaxe que ten como punto de partida e destino a cidade de Bagdad. Gran parte do atractivo da obra reside no labor de Duchazeau, artista de trazo moi semellante ao de Christophe Blain, que retrata con elegancia e contención a que daquela era capital do Califato Abasí.


Sandman visita Bagdad co califa, por P. Craig Russell

É difícil recoñecer na cidade exótica e grandiosa que atopamos nestas obras á que hoxe é capital de Irak e que a historia recente envolveu en sucesivas guerras. O escritor británico Neil Gaiman ofreceu unha explicación para este contraste no capítulo 50 de Sandman, a súa obra máis influínte. Contemplando a cidade no cénit do seu esplendor, o califa Harún al-Rashid tomaría conciencia da inevitabilidade dun posterior declive, motivo polo cal invocaría a Morfeo, Señor dos Soños, e chegaría con el a un acordo. Morfeo mercaba Bagdad a cambio de comprometerse a manter a súa maxestosidade no plano onírico con total independencia do seu devir histórico. A cidade esplendorosa que atopamos nas ficcións contemporáneas sería o Bagdad soñado que xurde deste pacto. P. Craig Russell, un debuxante especialmente dotado para a representación fantástica e colaborador habitual de Gaiman, contribúe esencialmente a crear a atmósfera máxica que a historia precisa. Russell representa un Bagdad requintado e luminoso antes de rematar o episodio cunha fugaz visión da decadencia da cidade no século XX.


As mans da victoria, por Niko Henrichon


O Monumento aos Mártires, por Niko Henrichon


A estatua de Saddam Hussein, por Niko Henrichon

El orgullo de Bagdad, obra do escritor Brian K. Vaughan e do debuxante Niko Henrichon, achéganos a historia máis recente da cidade. O guionista, unha das voces renovadoras do cómic americano actual, parte dun feito real, que os leóns do zoo de Bagdad fuxiron das súas gaiolas e camiñaron polas rúas da cidade durante a invasión norteamericana de 2003, para despregar un discurso antibelicista certamente previsible, mais tamén necesario. A barbarie da guerra adquire unha nova dimensión contemplada a través dos ollos dunhas bestas supostamente irracionais que reaccionan con abraio e terror ante a sofisticación destructiva dos seres humanos. Henrichon, prácticamente un debutante, aporta unha dozura gráfica que fai máis dixeribles as imaxes de morte e destrución que se lle ofrecen ao lector. Contemplando as súas páxinas, o tempo de esplendor da cidade semella mais lonxano que nunca.

Explora Bagdad en Google Maps


Visualizar o mapa ampliado