Bruxelas, capital da BD europea
Hai en Bruxelas un Museo da BD, o Centre Belge de la Bande Desinée, e tamén un Paseo do Cómic, case corenta murais espallados pola cidade nos que están representados os personaxes máis populares do cómic europeo: Asterix, Tintín, Lucky Luke, os Pitufos… Ademais, dúas correntes estilísticas fundamentais do tebeo europeo do século XX tiñan o seu centro na capital belga: a Escola de Marcinelle (Franquín, Peyo, Morris…) e a chamada Escola de Bruxelas (Hergé, E.P. Jacobs, Bob de Moor…). Malia esta fonda vinculación e aínda que poida resultar estraño, a presenza da BD na cidade é maior que a presenza da cidade na BD.

O mercado da Praza du Jeu de Balle en Tintín
Resulta elocuente o caso a Tintín, personaxe que habitou un apartamento de Bruxelas durante os doce primeiros álbums da serie, ata que se trasladou ao Castelo de Moulinsart tras O tesouro de Rackham o Roxo. E malia iso e a coñecida teima de Hergé pola ambientación realista das súas historias, a presenza de imaxes recoñecibles da capital belga nos seus álbums redúcese practicamente ao mercado de antigüidades que aparece en O segredo do Alicornio, que adoita identificarse co mercado da Praza du Jeu de Balle.

O Atomium segundo Sente e Juillard
Algo semellante acontece con E.P. Jacobs, que fixo viaxar ás súas creacións Blake e Mortimer polas paisaxes máis exóticas do mundo mentres Bruxelas aparecía só en dúas viñetas do segundo álbum da serie, El misterio de la gran pirámide. Mais como é sabido, estes dous aventureiros tiveron vida propia tras a morte do seu creador, chegando a ocasión da capital belga da man de Yves Sente e André Juillard, que ambientarían nela o díptico Los sarcófagos del 6º continente moi probablemente coa vontade de homenaxear ao creador do dúo protagonista. Sente e Juillard sitúan a acción na Exposición Universal que se celebrou na cidade en 1958, recreándose na reprodución das diferentes construcións erguidas con tal ocasión: o Atomium, o pavillón Philips que deseñaran Le Corbusier e Xenakis, os pavillóns británico, francés, soviético…, mostras arquitectónicas nas que hoxe percibimos un aquel retrofuturista que encaixa perfectamente co espírito pseudocientífico e inxenuo que Jacobs fixera característico das aventuras de Blake e Mortimer. Tanto no gráfico coma no argumental, Sente e Juillard son quen de se manter fieis ás esencias da cabeceira na etapa de Jacobs ao tempo que artellan un agradable relato de acción e aventura.

O Pazo de Xustiza de Bruxelas e a versión de Schuiten
A calculada exactitude con que Juillard retrata as paisaxes de Bruxelas contrasta coa versión moito máis libre da cidade que atopamos en Brüsel, obra de Benoit Peeters e François Schuiten pertencente á súa serie Las ciudades oscuras. Cun argumento que ten moito de pesadelo kafkiano, o álbum relata a transformación da cidade a finais do século XIX tras a construción do faraónico Pazo de Xustiza, o soterramento do río Senne e a conexión das dúas vías férreas que chegaban á capital. Os deseños arquitectónicos de Schuiten abraian pola súa elegancia e grandiosidade, mais tamén por desviarse dos referentes reais e preferir unha representación que introduce elementos fantásticos e oníricos. A obra, de gran forza metafórica, contén unha dura crítica á deshumanización das urbes tomando o progreso como pretexto, aínda que remata cun certo lugar para a esperanza.

A estación central segundo Yslaire
O mesmo Pazo de Xustiza que centraba boa parte da atención en Brüsel ten certa relevancia en El cielo sobre Bruselas, historia en dous álbums escrita polo ilustrador belga Bernar Yslaire como resposta á barbarie do 11S. O relato transcorre na súa práctica totalidade nunha habitación do hotel Hilton de Bruxelas, onde un home misterioso e unha aspirante a terrorista suicida observan o simbólico edificio contra o cal ela debía atentar. Este xeito de representar a cidade non é novo na obra de Yslaire; o inmenso collage sobre o século XX que é CieloXX.com ofrecía imaxes ben semellantes (aéreas, distanciadas, enmarcadas en xanelas) de perfís tan recoñecibles da cidade coma a figura do Saint-Michel que coroa a Casa do Concello ou, máis outra vez, o Pazo de Xustiza. Imaxes panorámicas para dúas obras cargadas de simbolismo.


RSS