Moscova, memoria da Unión Soviética

Aeroporto Sheremetyevo, segundo Maslov
Los hijos de octubre, obra do debuxante siberiano Nikolaï Maslov producida en colaboración co editor francés Emmanuel Cárrere, non é, como algúns suxiren, o fito fundacional da banda deseñada rusa, pero si un dos escasos indicios que nos chegan de que existe a día de hoxe algo que poidamos denominar tal. Cun acabado próximo ao amateur no que ao debuxo e a técnica narrativa atinxe, a forza dos oito relatos que compoñen este volume trasládase ás necesidades que están na súa orixe: necesidade do autor de expresar a desolación e o abandono que sentiron moitos dos habitantes da antiga Unión Soviética tras o afundimento do sistema; e necesidade tamén de recuperar un medio de expresión, o cómic, que o réxime soviético afogou por consideralo un “entretemento burgués”. A maioría dos relatos transcorren no rural e representan un mundo aínda dominado polo elemental: a terra, o clima, as funcións vitais. Aínda así, Maslov desliza tamén algunhas imaxes da capital rusa Moscova, que presenta coma unha metrópole gris e falta de vida, poboada por unha masa silenciosa.
A práctica inexistencia de cómics rusos durante a maior parte do século XX fixo que nese período a representación da cidade de Moscova viñese sempre do exterior e que, en moitas ocasións, fose reconstruída a partir dun coñecemento da mesma escaso cando non tendencioso. O caso máis obvio é o de Tintín no país dos Soviets, primeira aventura do personaxe e álbum abertamente propagandístico que ofrece unha visión tremendista do daquela emerxente réxime soviético. Hergé nunca reelaboraría aquela aventura, algo que si faría con moitas das posteriores, polo que hoxe nos chega só na súa crúa versión orixinal, cun debuxo pouco depurado que apenas se detén na reprodución de paisaxes.

O Estadio Lenin segundo Juillard

A Praza Vermella segundo Juillard
Tamén visitaron Moscova os aventureiros Blake e Mortimer, mais non foi da man do seu creador E.P. Jacobs, senón de dous dos seus continuadores máis lúcidos, o escritor Yves Sente e o debuxante André Juillard. Referímonos ao álbum La maquinación de Voronov, ambientado na Guerra Fría e coa carreira espacial coma pano de fondo. A vontade dos autores de se manter fieis ao espírito orixinal da cabeceira leva a Sente a construír un argumento que recolle boa parte dos tópicos da obra de Jacobs mentres Juillard se mantén disciplinadamente dentro das marxes estéticas da liña clara. No álbum atopamos ademais un bo número de imaxes da capital moscovita (a Praza Vermella, o aeroporto de Vnoukovo, o Estadio de Lenin ou a Universidade de Lomonossov), co que os autores estarían a reproducir outro dos sinais de identidade da obra de Jacobs, o seu gusto pola ambientación realista e mesmo a identificación explícita dos escenarios nos que transcorre a acción.

O Kremlin, segundo Abadzis
Nun escenario moi semellante desenvólvese Laika, obra do británico Nick Abadzis, que se achega á figura da coñecida cadela rusa, pioneira das viaxes espaciais, mesturando rigor e documentación histórica con necesarias doses de ficción. No seu relato, a célebre misión preséntasenos alentada polo esforzo de superación e o espírito investigador, mais tamén por implacables intereses propagandísticos. Promovida en apenas un mes tras o exitoso lanzamento do primeiro Sputnik para coincidir co 40 aniversario da Revolución Soviética, a modestia da tecnoloxía empregada e a falta de tempo impediron argallar unha vía de regreso para a cadela, que morrería unhas horas despois do lanzamento. A escasa utilidade real da misión transformaría a Laika de símbolo do progreso a mártir do réxime. O debuxo de Abadzis, miniaturista e naïf, ofrece diversas imaxes da daquela capital da URSS: pequenas viñetas contextualizadoras (imaxes externas do Kremlin ou a Praza Vermella), mostras de xenuína arquitectura soviet ou planos xerais dunha cidade fría e industrial.

Johnson/Plunkett e a súa interpretación ‘kriptoníptica’ do monumento soviético aos obreiros
Son moitas as obras que se ocupan da tradicional rivalidade entre Estados Unidos e a extinta Unión Soviética, especialmente dentro do mainstream norteamericano. Un dos exemplos recentes máis sobranceiros é Superman: Red son, miniserie de tres capítulos na que o escritor escocés Mark Millar imaxina o que tería acontecido se a cápsula que o trouxo o Home de Aceiro á terra dende o seu Krypton natal non aterrase en Kansas, senón na estepa ucraína. O Superman que coñecemos, defensor da liberdade, a xustiza e o american way of life, pasa a predicar as bondades do estalinismo e o socialismo real, nunha interesante revisión da mitoloxía do personaxe que, lonxe de caer no maniqueísmo, sementa dúbidas sobre as dúas partes en conflito. Por esixencias do guión, os escenarios moscovitas que acompañan o relato, reproducidos con trazo funcional por Dave Johnson e Kilian Plunkett, remiten ao ambiente de Guerra Fría (o Kremlin, monumentos de líderes socialistas), ademais de incorporar ao sempre icónico Home de Aceiro aos célebres carteis agitprop soviéticos. A obra supuxo un primeiro salto cualitativo na carreira de Millar, ofrecéndolle sucesivas oportunidades na industria ata converterse nun dos guionistas máis populares do mercado norteamericano actual.


RSS