O roteiro Uxío Novoneyra lévanos a coñecer a Serra do Courel a través de diversos espazos biográficos e literarios do poeta. O percorrido transcorre polo seu concello natal, Folgoso, achegándose ata Pedrafita do Cebreiro, berce da súa familia materna. Aldeas, castros, montes, soutos, covas ou minas amósannos un contorno privilexiado que nos darán unha clara visión sobre o que foi a vida e a obra dun dos grandes bardos do século XX.
O roteiro foi elaborado por Etnoga coa colaboración e supervisión da familia de Uxío Novoneyra, quen achegou valiosos contidos e suxestións para a configuración do itinerario.
Importante: trátase dun percorrido de alta montaña que tamén referencia algúns elementos subterráneos que poden ter certo risco. Non percorra os devanditos lugares sen o asesoramento previo de especialistas.