O territorio das Terras de Miranda está documentado xa desde o século XVI, malia que o concello como tal desaparece trala reforma de 1833. Porén, para Cunqueiro seguiría existindo como a terra que comprende Riotorto, Pastoriza, as terras que van do Miño ao Eo. Nese espazo natural e simbólico será no que se desenvolva o Roteiro Cunqueiro, por lugares onde viviu, paseou ou situou parte da súa creación literaria. Riotorto, Vilanova de Lourenzá, Abadín, Meira, A Pastoriza e Mondoñedo, unha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia.
Vigo foi en Álvaro Cunqueiro residencia, traballo xornalístico, produción literaria, recoñecemento e falecemento. Por iso, o roteiro que se desenvolve na vila olívica pretende amosar retallos da súa vida nos anos 30 e despois da década dos 60. Cando chegou á cidade, en comparación co seu Mondoñedo, parecíalle "ruidosa", pero tamén era poesía e lembranza de Martín Codax.