Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
ARTISTAS EXPOSTOS (Lista de artistas seleccionados para a exposición da 22 edición do Premio Máximo Ramos):
Eduard Arbós - Liena Bondare - Svantje Busshoff - Pedro Calapez - Misha Bies Golas - Alicia Candiani - Kako Castro - Pedro Luis Cembranos - Kikie Crêvecoeur - Carolina Cruz - Fermín Díez - Charles F. Duplain - Manuel Eirís - Joscelyn Gardner - Raúl Gómez Valverde - Iñaki Gracenea - Elena Lapeña - Ángel Masip - Rebeca Menéndez - Juan M. Moro - Isabel Mouttet - Álvaro Negro - Javier Pividal - Víctor Costales & Julia Rometti - José Andrés Santiago - Cillas Seyde - Daniel Silvo - Ana Soler - Jessica Meuninck-Ganger & Nathaniel Stern - Ewelina Szydelko - Carla Tobar - Mauro Vallejo - Alberto Valverde - Irene Vidal - Juliette Vivier.
22 PMR 2012. 22 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2012. Convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol, a través da xestión e coordinación do Centro Torrente Ballester.
Acta / Fallo do xurado.
"Trala reunión do xurado do 22 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2012, celebrada o día 4 de xullo de 2012, infórmase da concesión do único Premio a Pedro Calapez, cunha dotación económica de 7.000 euros. Dado o excelente nivel xeral decidiuse outorgar 5 mencións de honra. O xurado seleccionou tamén aos participantes na exposición, un total de 37 artistas provintes de 12 países.
O xurado estivo presidido polo concelleiro de cultura de Ferrol, Manuel Reyes García-Hurtado, e, formado por tres vocais: José María de Francisco Guinea (director da Feira Internacional Estampa Arte Múltiple), a artista brasileira Sandra Cinto, e o crítico de arte David Barro (da editorial Dardo, encargado de publicar o catálogo da convocatoria).
A comisaria do premio, Anne Heyvaert (artista e profesora de gráfica na Facultade de BB.AA. de Pontevedra, Universidade de Vigo), solicitou ao xurado valorar, segundo as bases do certame, a pertinencia das propostas dende unha perspectiva da arte gráfica actual, na exploración da multiplicidade de técnicas para idear proxectos seriados.
A coordinadora, Elsa Armentia, destaca o éxito desta edición, cun incremento da participación, tanto en número de solicitantes e de países, coma no aumento do nivel de calidade das propostas, o que dificultou os procesos de preselección e de selección final. Dos máis de 450 dossiers recibidos, procedentes de 49 países, realizouse unha primeira preselección de 90 artistas. Tralo envío das obras dos preseleccionados, o xurado elixiu 37 artistas (12 países) para a exposición, con varias obras cada un. De entre os seleccionados, 10 son residentes en Galicia. Todas as xeracións están representadas, dende artistas consagrados no ámbito da arte gráfica internacional como mozos creadores recen saídos das facultades de Belas Artes. Cabe destacar igualmente a participación de artistas, xa non tan especializados no universo da estampa, senón resultado do desdibuxamento e a interacción das disciplinas artísticas, a miúdo xeradoras de multiplicidade, na arte actual en xeral.
A obra premiada Conversation piece, do artista portugués Pedro Calapez (1953, Lisboa), destaca pola especial coincidencia das súas características cos obxectivos deste certame, na idea de repetición en tanto que motor de creación e transformación, en palabras do autor, coma "unha conversa continua e inesgotada". A composición (260 x 520 cm), está realizada a partir dunha unidade base (un fragmento arquitectónico dunha ventá) multiplicada por simetrías e repeticións. O autor estableceu unha práctica mecánica, en movemento perpetuo; o debuxo, que "se materializa nun momento de fráxil equilibrio, pon de manifesto a súa inesgotable posibilidade". A produción da composición está realizada coa impresión dixital de 102 follas de papel, no formato estándar A3; cravadas na parede soamente pola súa parte superior achegando á enorme composición unha lixeireza case volátil. A edición reducida consta de 3 exemplares. O 22 Premio Máximo Ramos 2012 brinda así ao Concello de Ferrol a oportunidade de posuír nos seus fondos unha obra de Pedro Calapez, artista portugués cunha dilatada traxectoria artística internacional.
Asimesmo, acordóuse outorgar cinco mencións de honra aos seguintes artistas: Manuel Eirís / Joscelyn Gardner / Charles F. Duplain / Álvaro Negro / Liena Bondare.
Texto de Anne Heyvaert, comisaria do 22 PMR 2012
Ao longo dos séculos, a evolución técnica serviu e ampliou non soamente as posibilidades multiplicadoras, senón formais, das imaxes imprimidas, ofrecendo a miúdo aos artistas plataformas de maior liberdade expresiva. Na súa 22 edición, este certame, un dos máis veteranos de España, amosa a súa vitalidade e o seu dinamismo, cunha selección reflexo da arte gráfica contemporánea, multidisciplinar e integradora, nun cuestionamento entre obra única e múltiple, dende as técnicas máis tradicionais (buril, augaforte, xilografía, litografía, serigrafía...) e a súa posible combinación con procedementos directos, ata os procesos dixitais, fotográficos, videográficos, ou de son...
O PMR quere igualmente dar constancia da preocupación crecente dos creadores pola posta en escena das súas obras, facilitada pola aceptación ao certame de varias pezas por participante, mesmo de series enteiras e instalacións, sen límite de tamaño. Esta apertura das bases, no ano 2010, sitúa o PMR xunto aos grandes certames internacionais de referencia no seu ámbito, e o único en España destas características.
Dende estas premisas, o xurado decidiu outorgar, dado o excelente nivel xeral, cinco mencións de honra aos artistas: Liena Bondare, Charles François Duplain, Manuel Eirís, Joscelyn Gardner, Álvaro Negro, pola súa achega relevante nunha idea renovada da arte gráfica.
A formalización da obra gráfica e múltiple se amplía ao son e ao vídeo coas obras dos artistas galegos Manuel Eirís e Álvaro Negro, con proxectos ligados a conceptos elementais e históricos da arte do gravado.
Os pezas de Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977), Bs 50-50 grind e Bs Pivot grind nacen da idea de rexistrar, gravar, "o son de dous grinds que fixo un skater nun bordo de Santiago certo día do 2012". O verbo inglés grind significa renxer ou raiar, en terminoloxía skater, refírese ao conxunto de manobras consistente no deslizamento cun ou os dous eixos do monopatín sobre unha superficie, xeralmente un bordo (curb) ou saínte (ledge). A acción deixa uns rastros, pegadas, sobre o mobiliario urbano transitado; o artista grava o seu son -recollido mediante un micrófono atado ao nocello do skater- nuns discos de vinilo; o son será reproducido á súa vez polo contacto da agulla do tocadiscos nos sucos do disco. Pegada, gravación e reprodución son conceptos elementais da arte gráfica.
Os seis vídeos que conforman o conxunto de proxeccións de Álvaro Negro (Lalín, 1973), Monteagudo. Natureza! Estás soa?, refírense á tradición gráfica na idea de des-multiplicación, así como na súa vocación de rexistro e representación, "que alude á súa propia fenomenoloxía, ao feito de mirar como proceso descritivo que logra transcenderse ata chegar a un estado de conciencia esencial a través do que acontece". A expansión e a fragmentación da mirada materialízase en seis tomas diferentes dunha paisaxe, no que se encontran as esculturas de Ulrich Rückriem, analizando a súa interacción coa natureza e a acción do tempo.
As dúas artistas, Liena Bondare e Joscelyn Gardner, traballan dende a vocación de testemuño e reivindicación da obra gráfica -lembremos por exemplo as series gravadas de J. Callot, W. Hogarth ou F. Goya-. Cada unha das artistas achegan elementos moi particulares á presentación dos seus proxectos.
A nova artista Liena Bondare (Latvio, 1980), presenta unha grande instalación denominada Kunst > everyday nothing (a arte é maior que a nada de todos os días), unha obra en proceso, interactiva co público, na que utiliza a técnica de impresión da serigrafía, combinada con debuxos efémeros a xiz, sobre 24 lousas de varios tamaños: un conxunto estoupado, con múltiples elementos de referencia, de Leonardo da Vinci, coa súa reflexión acerca do instante e o tempo, ata os artistas Joseph Beuys, Marcel Duchamp ou Yukio Mishima, na idea de arte e vida. Co título, a artista, remítenos a unha fórmula matemática, e remóntanos a tempos do colexio, invitándonos a intervir con xices sobre as lousas. Anímanos a reflexionar sobre o sentido da arte, a súa relación coa vida, o mercado e a historia, ademáis de cuestionar os conceptos de autoría, orixinal e copia.
Cabe destacar as obras Créoos Portraits da artista caribeña-canadense Joscelyn Gardner (1961), polo seu dominio técnico e a excelencia da formalización, en contrapunto ás súas mensaxes desgarradoras. Cunhas preciosistas litografías, iluminadas con acuarela a man, sobre papel mylar translúcido, a autora explora a identidade crioula dende unha perspectiva feminista postcolonial. Os delicados trenzados afros están unidos a terribles colares de ferro, cos que se castigaban ás mulleres escravas, acusadas de inducir abortos. A integración de gravados botánicos do S.XIII fai referencia ao exótico e á identidade (a súa negación), pero tamén ao uso daquelas plantas para abortar, en acto de resistencia á explotación escravista.
Charles F. Duplain (1967, vive e traballa entre Suíza, Francia e Bélxica) utiliza o medio do múltiple e o imprimido polas súas posibilidades plásticas e metafóricas, ligadas ao libro. Trata o tema do autorretrato dende unha postura ambigua e fantasiosa. Cunha presentación austera pero moi coidada, recolle, no tradicional formato da carpeta, sete composicións tipográficas feitas con caracteres de chumbo, nas que declina as letras do seu nome completo, tomando varios códigos de deletreado internacionais que permiten confirmar os sons das letras; repetición e variación textual, sonora e visual.
A gran diversidade de medios empregados e de imaxes realizadas, dende a experimentación procesual nesa idea de repetición, variación e fragmentación da gráfica actual e da arte contemporánea en xeral, permite ofrecer unha exposición sorprendente e moi rica, que terá lugar durante todo o verán do 2012, do 27 de xullo ata o 6 de outubro.
Link: ISSUU. Catálogo do 22 PMR 2012
Fonte: Centro Torrente Ballester