Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Hoxe comezamos a falar é un proxecto do artista André Guedes (Lisboa, 1971), en colaboración cos alumnos da IV edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela, 2010-2011.
Texto curatorial (por Celia Adrián, Ana Baamonde e María Díaz, coa documentación e contribucións do grupo de comisarios).
Cando se cumpren 75 anos da prohibición e espolio do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), a institución cultural galeguista que ocupou nos anos finais varios espazos do Colexio de Fonseca, atopámonos de novo cunha situación de confrontación entre a sociedade e os gobernos. En diferentes lugares do mundo, as protestas pacíficas reclaman as caídas dos réximes ditatoriais e o establecemento dunha democracia real e participativa: en Portugal, as revoltas converxeron o 12 de marzo de 2011; en España, a protesta formalizouse con acampadas nas prazas das cidades no que supuxo o xurdimento do 15M, tamén coñecido como Movemento dos Indignados.
Este é un dos elementos contextuais que rodean a proposta expositiva do artista André Guedes (Lisboa, 1971), para o Salón do Artesoado e a capela gótica do Colexio de Fonseca, sé da Universidade de Santiago de Compostela, do Seminario de Estudos Galegos (1930-1936) e, en 1982, do primeiro Parlamento de Galicia. As salas de exposicións temporais -orixinalmente o refectorio e a capela- tiveron pois numerosas funcións ao longo da historia, sempre vinculadas á oralidade e á escoita, unha tradición que é evocada no título do proxecto de Guedes. Hoxe comezamos a falar é en realidade unha frase aberta extraída das recentes protestas no Porto, proferida en marzo na Praça dos Aliados.
A exposición propón unha reflexión sobre a necesidade de que o individuo participe nos procesos e prácticas de construción colectiva, mantendo o seu lugar e a súa consciencia como suxeito. Está composta por dúas seccións directamente asociadas e implicadas entre si: a presentación dunha selección de obxectos e figurinos que pertencen ao fondo de vestiario, atrezzo e escenografía da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, e a teatralización de textos, interpretados por actores da Aula de Teatro, que incorporarán, na dramatización, os mencionados obxectos.
Ambas seccións posúen unha autonomía que permite ao visitante contemplar, por un lado, a museografía dos obxectos, e, por outro, a teatralización destes e a súa relación cos textos. En certo sentido, a presentación dos obxectos constitúe unha pequena e libre -persoal- historiografía da Aula de Teatro construída a partir dos fondos de préstamo da institución. Esta investigación foi levada a cabo por André Guedes e os comisarios da exposición, coa decisiva colaboración de Roberto Salgueiro, director da Aula de Teatro da USC.
Comisariada polos alumnos da cuarta edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, Hoxe comezamos a falar invita a reflexionar sobre a acción humana -individual- no momento histórico presente, colectivo. En proxectos anteriores de André Guedes (A visita de Eugenio, 2006, Information, 2007, AIROTIV, 2009, etc), xa hai un traballo sobre a memoria do espazo e dos obxectos; unha busca para que o espectador tome conciencia e repense o seu papel nun contexto e nunha situación histórica determinada. Neste novo traballo percíbese, ademais, a influencia dun dos referentes fundamentais do artista, o compositor norteamericano John Cage, ben na temporalidade, ben no uso da aleatoriedade e do azar no proceso de creación da obra aberta.
Guedes deseña a escenografía colocando os obxectos sobre peañas e estas, á súa vez, sobre tarimas. Deixa que os obxectos inanimados actúen e formen parte da performance por medio da manipulación por parte dos actores. Desta forma, facendo uso dun azar controlado, o artista xoga coa presenza dos obxectos e busca a libre a asociación libre por parte do espectador entre os obxectos e o propio texto.
Con esta nova produción -na que o carácter performativo, baseado na transmisión da palabra, volve estar presente na obra do artista- existe unha aproximación ao teatro como medio artístico, e ás cuestións inherentes ao mesmo. Hai unha vontade por sinalar os instrumentos que compoñen a súa ortodoxia, como a escenografía, o vestiario, os actores, a interpretación, o texto dramatúrxico e a relación deste todo co espectador. Tamén hai un interese por recuperar a facultade do teatro como importante medio de crítica social.
Efectivamente, o teatro posúe a capacidade de vehicular a exposición oral dun texto, ou proxecto dramatúrxico, previamente escrito coa finalidade de ser transmitido a un colectivo de espectadores. O texto dramático é nesta ocasión substituído por varios monólogos, escollidos polos comisarios como resposta á petición do artista: ao pedir a cada comisario que pensase nun texto que resumise as súas preocupacións, Guedes fai un exercicio consistente en reforzar a importancia da voz individual. Así, as pezas de Voltaire, Marinetti, Picabia, Erich Scheurmann ou Hugo von Hofmannsthal, entre outros, son teatralizadas no espazo da exposición. Son lecturas que abordan temas próximos relacionados coa moral, o individuo, a sociedade e os valores, nas que nos podemos sentir -ou non- reflectidos ou involucrados. A Guedes non lle interesa transmitir unha mensaxe ao espectador, senón converter esas lecturas en reverberacións ou espellos nos que a xente poida ver cousas distintas.
Non é a primeira vez que André Guedes traballa en Santiago de Compostela. No ano 2006, no contexto do proxecto A cidade interpretada -comisariado por Pablo Fanego e producido polo Auditorio de Galicia e o Concello de Santiago-, o artista portugués investigou sobre a figura de Eugenio Montero Ríos (ministro compostelán do goberno de Sagasta que loitou pola separación da Igrexa e o Estado e artífice da aprobación da lei de rexistro civil ou a de matrimonio civil), e conseguiu que unha estatua do político, obra do escultor Mariano Benlliure, volvese temporalmente ao seu lugar orixinal na Praza do Obradoiro, de onde saíra no ano 1920 para situarse na súa localización actual na Praza de Mazarelos. Esta intervención foi amplamente documentada dous anos máis tarde na exposición A visita da cidade, presentada na Galería Trinta de Santiago de Compostela.
Outros datos e informacións sobre o proxecto e a exposición Hoxe comenzamos a falar
Dirección do proxecto: Agar Ledo
Comisarios: Alumnos da IV edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela: Celia Adrián, Ana Baamonde, Blanca Bermúdez, Eugenia Blanco, María Díaz, Laura Domínguez, Bea Fernández, Cristina García, Isabel Gómez, Manuel González, Vanesa Iglesias, Bettina Korten, María Marco, Ángeles Novas, Ana Rodríguez, Luis Rodríguez, Sandra Romero, Óscar Sánchez, Diego Vites.
Actores: Daniel Baamonde, Esther F. Carrodeguas, Paula Fernández Franco, Beatriz Méndez Castro, Roi Méndez Fernández, Xoana Pintos Barral, Blanca Tejero Fernández, membros da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Roberto Salgueiro.
Produción: Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Aula de Teatro da USC e da Consellería de Cultura e Turismo, Xunta de Galicia.
Autores e textos representados:
A carta de Lord Chandos. Hugo von Hofmannsthal (1874 - 1929). Extracto de Ein Brief (A carta de Lord Chandos), texto orixinalmente publicado en cinco partes no xornal diario berlinés Der Tag, en 1902.
Como cobren os Papalagui as carnes con numerosos panos e esteiras. Do metal redondo e do papel forte. Erich Scheurmann (1878 - 1957). Extractos de Der Papalagi (Os Papalagui), baseado nos discursos do xefe samoano Tuiavii de Tiavea, publicado orixinalmente en Alemaña en 1920.
Carta dedicatoria ao Rei o noso señor. Oliva Sabuco de Nantes (1562 - post. 1609). Prólogo de Nueva filosofía de la naturaleza del hombre y otros escritos (Nova filosofía da natureza do home e outros escritos), da mesma autora, publicado en Madrid en 1587.
De se a intolerancia é de dereito natural e de dereito humano. Testemuñas contra a intolerancia. Voltaire (1694 - 1778). Extractos de Traité sur la tolérance (Tratado sobre a tolerancia), publicado en Francia en 1763.
Primeiro Manifesto Político. Filippo Tommaso Marinetti (1876 – 1944). Elaborado por Marinetti en 1909, con motivo das eleccións xerais italianas, é inmediatamente posterior ao Manifesfo Futurista, publicado no mesmo ano no xornal francés Le Figaro.
Manifesto Caníbal Dadá. Francis Picabia (1879 - 1953). Lido por André Breton na noite Dadá no Théâtre de la Maison de l'Oeuvre, en París, o 27 de marzo de 1920.
Fonte: Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, USC