Atalaia

Ana Gesto. Frame do vídeo titulado A idade (1978-2011). Video-performance. Duración 05:20. Vídeo dixital. 2011
> Materialización
Datas: 11/02/2011 - 15/05/2011

Descrición

Materialización

Artistas: Sol Alonso, Ignacio Barcia, Ana Gesto, Pablo Huertas, Elena Mendizábal, Pello Mitxelena e Mónica Ortúzar.

Co título Materialización, a Fundación Laxeiro presenta esta exposición como resultado do traballo de investigación dun grupo de artistas, membros das Universidades de Vigo e do País Vasco, que levan oito anos traballando en equipo, ao redor da idea de pensamento/creación/materialización. Para estes artistas, a materialización da obra de arte supón unha forma de resistencia na que, máis alá da fisicidade do obxecto artístico, dáse un feito comunicativo entre o autor, a obra e o receptor/espectador. Neste feito comunicativo é onde a materialización do pensamento ten sentido e, ao mesmo tempo, onde o obxecto artístico muda en algo máis ca un obxecto material, en algo que poderíamos definir como un conteedor de significado ou un transmisor de contidos que posibilita a experiencia estética.

En palabras dos artistas: “este proxecto parte da identificación das relacións entre a materialidade, a forma e a representación, o seu modo de crear unha unidade, algo interdependente e inseparable”. Esta idea de partida é abordada polos sete artistas participantes desde a diferenza de cada un dos seus traballos, e é precisamente esta diferenza o elemento que dota á exposición dunha interesante diversidade nas solucións propostas á mesma formulación teórica. Vídeo, fotografía, escultura e debuxo son as técnicas a partir das que desenvolven un discurso persoal que, na posta en común da exposición, acada un interese que vai máis alá da suma de cada traballo, para conformar unha proposta conxunta e unha nova lectura.

A montaxe desta mostra na cidade de Vigo supón unha segunda fase expositiva do traballo continuado que este grupo de artistas levan a cabo desde 2002. Nunha primeira fase, concretada na exposición titulada Resistencia e materialización, realizada en 2010 na Sala de exposicións do Campus de Leioa, da Universidade do País Vasco, os artistas centráronse na noción de Resistencia como consecuencia da actividade creativa, nesta segunda entrega que supón a exposición en Vigo, os artistas centráronse nos procesos da materialización da actividade creativa e en como eses procesos son, en última instancia, un segundo estadio desa Resistencia. Unha resistencia que eles propoñen como resposta á tendencia de uniformización do pensamiento, característica da nosa sociedade actual, dominada pola economía global e, polo tanto, por unha tendencia cara á xeración de contidos baleiros, facilmente convertibles en mercadoría e totalmente afastados da xeración de pensamento crítico.

Despois da mostra Escritos de Laxeiro, a Fundación Laxeiro inicia así súa programación 2011 achegándose aos ámbitos máis experimentais da arte do noso tempo, seguindo o seu compromiso programático de conectar a revisión de diferentes aspectos da nosa vangarda histórica coa análise e a investigación das expresións artísticas que se producen no noso presente, cun claro aspecto investigador e experimental. Neste contexto, a Fundación Laxeiro continúa coa súa política de colaboración co ámbito universitario e a investigación artística, ampliando por primeira vez esta colaboración á Universidade do País Vasco.

Fonte: Fundación Laxeiro