Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Unha máquina desexa instruccións como un xardín desexa disciplina -cuxo título está tomado dunha obra de Jimmie Durham- foi o proxecto gañador da máis recente edición do Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios. Unha vez clausurada en Vigo, a exposición viaxará ao FRAC Lorraine de Metz, Francia, onde se inaugurará a finais de febreiro de 2014, con certas variacións nos seus contidos e estrutura. A proposta de Catalina Lozano reúne traballos artísticos e de investigación de dez autores (vídeos, instalacións, obra gráfica, documentación), con características específicas para cada sede.
Este proxecto expositivo toma como punto de partida a idea de que a historia do colonialismo e a da modernidade están inextricablemente unidas, a partir de aquí, explora as orixes do colonialismo europeo no seu proceso de colonización interna, e o que supuxo a construción da Europa moderna respecto a renuncias, liberdades, e á construción da súa propia mitoloxía.
O proxecto alude a procesos de colonización interna en Europa que coinciden historicamente coa transición cara ao capitalismo e a formación do pensamento e a política modernos, e co establecemento paulatino de estados-nación que se correspondeu con procesos de homoxeneización imposta sobre diferentes pobos.
As liñas de pensamento que se intentan describir aquí, e que resumimos en tres enunciados -redución da diversidade, negación da simultaneidade, e o mito do observador desinteresado- non acontecen illadamente, senón que se trenzan nun tecido complexo, pero inacabado e cambiante. Os traballos reunidos neste proxecto tentan disolver a dualidade platónica entre mundo material e mundo abstracto, da que se apropia o cristianismo (corpo e alma), secularizada despois no pensamento moderno (corpo e razón), e redistribuída amplamente en clasificacións sociais.
Unha máquina desexa instruccións como un xardín desexa disciplina é o proxecto gañador da máis recente edición do Premio para novos comisarios (2012), que por terceira vez consecutiva foi convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia, e que ten como obxecto a realización dun proxecto expositivo para ambas as dúas sedes. O MARCO e os FRAC (Fonds Régional d’Art Contemporain) únense de novo nun proxecto de coprodución e promoción da arte contemporánea alén das súas fronteiras territoriais, cun interese común por apoiar a novas xeracións de profesionais. Nesta ocasión, o proxecto gañador é unha proposta de Catalina Lozano (Bogotá, 1979), comisaria e investigadora residente en México. Realizou estudos de Historia (Universidad Nacional de Colombia), e Culturas Visuais (Goldsmiths College, London University), e sobre Teorías e prácticas da linguaxe e as artes na École des Hautes Études en Sciences Sociales (EHESS) de París. A súa práctica centrouse cada vez máis nos relatos menores e na revisión contemporánea de discursos históricos dominantes. Algúns dos seus proxectos máis recentes son La puerta hacia lo invisible debe ser visible, Casa del Lago, México DF (2012); ¿Tierra de nadie?, Centro Cultural Montehermoso, Vitoria-Gasteiz (2011); e Everything has a name, or the potential to be named (co-comisariado con Anna Colin), Gasworks, Londres (2009). Entre 2008 e 2010 foi responsable do programa de residencias de Gasworks (Londres). É cofundadora de de_sitio, unha plataforma para proxectos de arte contemporánea en Cidade de México.
Fonte: MARCO